A alumna Fabiola Blanco Lorenzo do IES de Mos na entrega de premios do V Certame Escolar de Podcast Xosé Mosquera Fernández
O pasado martes 6 de xuño, en Santiago de Compostela, no IES Rosalía de Castro, entregáronse os premios do V Certame Escolar de Podcast Xosé Mosquera Fernández, O vello dos contos.
Entre máis dos setenta traballos entregados, foron escollidos dez considerados finalistas. Entre estes elixidos atopábase o da nosa alumna de 1º da ESO, Fabiola Blanco Lorenzo. Asistir ao acto e recoller o trofeo foi toda unha experiencia. O seu traballo é unha entrevista aos seus avós cos que fala do traballo nas patacas. O podcast convértese nun tesouro da memoria, da tradición, da sabedoría e do cariño inmenso duns avós.
Encántanos dar os nosos parabéns ao colexio de Mos Atín-Cela, gañador do primeiro premio na categoría de Primaria e ao colexio Mestre Valverde Mayo, gañador do segundo premio na mesma categoría.
Ao ritmo das regueifas e a zanfona do Vello dos contos, dos poemas máxicos de Anxo Angueira, do rap Flowrencio e da curta que nos achegou dun xeito cálido á figura de Lourenzá, Francisco Fernández del Riego, foron sucedéndose a entrega de premios.
Poderiamos falar tamén da homenaxe á figura de Xosé Mosquera, impulsor da Unión Radio Galega e en galego alá polos republicanos anos 30 que mantén vivo este Certame e que fai presente a súa filla que cada ano non deixa de alentar o seu recordo.
O mellor de todo foi o ambiente festivo, entusiasta e cálido que se vivía e ao que non deixaremos de sumarnos ano a ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario